MARCOS VIEITEZ
Marcos Viéitez é un actor galego cunha ampla traxectoria no ámbito teatral e audiovisual. Iniciou a súa carreira con Teatro de Ningures, participando nas montaxes María Soliña (1989), escrita e dirixida por Etelvino Vázquez e Xosé M. Pazos, e Elektra (1991), de Hugo von Hofmannsthal con dirección de Alberto Bokos.
Formou parte de arredor de quince producións do Centro Dramático Galego, entre as que destacan As actas escuras (2010), Seis personaxes na procura de autor (2005), Ricardo III (2005), O ano do cometa (2004), Memoria de Antígona (1998) ou O incerto señor don Hamlet (1991).
Con Teatro do Atlántico traballou en obras como Tolos de amor, Casa de bonecas, A raíña da beleza de Leenane e A charca inútil, todas dirixidas por Xúlio Lago.
Colaborou tamén con compañías como Tanxarina Títeres, Teatro do Malbarate e Teatro do Morcego.
No sector audiovisual, participou nas longametraxes Huídos (1992), Ilegal (2003) e Heroína (2005), así como en series da TVG como As leis de Celavella, Pradolongo, Matalobos, Libro de familia e Mareas vivas.
